Cantero José Cerviño, 27 • 36860 Ponteareas (Pontevedra)
Un son potente, persoal. Unha afinación perfecta para unha "Gaita única”. Así definen os mellores artistas, profesionais e afeccionados, as gaitas que nacen no Obradoiro que Xosé Manuel Gil abriu en 1999 e ao que moi pronto se incorporou o seu irmán Alfonso. Artesán de instrumentos musicais tradicionais galegos (gaitas e requintas), titulado pola Universidade Popular de Vigo, Xosé Manuel tivo, sen dúbida, o mellor mestre: Antón Corral. Del aprendeu que só o amor polo oficio, a dedicación, a obsesión pola consecución dun son auténtico, farán de cada gaita ese instrumento perfecto. E esa é a filosofía do Obradoiro de Gaitas Gil.
Instrumentos tan belos como precisos, de timbre doce, potente son, afinación exacta, de estraña e atractiva perfección. Este é o obxectivo do Obradoiro e para iso a investigación forma parte fundamental do traballo diario: novos materiais, novas formas de facer, novas ferramentas, procura de novas tonalidades, perfeccionamento e evolución das xa existentes, etc. Pero sempre con respecto á tradición que os antepasados legaron e desde a máis escrupulosa ética profesional.